Concello de Arzúa - 2012 - Aviso Legal - Realizado por Offilance

Contan que na fonte do Casalete había una pita e uns pitiños de ouro que saían todos os días á hora do descanso polo ollo da fonte.

Un día, unha nena de sete anos que vivía alí cerca, foi beber á fonte e viu á Pita de Ouro e os pitiños peteirando arredor dela. O abraio da nena aumentou cando a pita lle falou:

“A xente vella é moi usureira e, por iso, só saio da fonte cando están durmindo. Non lle digas a ninguén que me viches. Se o soubesen atraparíanme para tentar enriquecerse. Se gardas ben o segredo, has ter boa recompensa”.

Dende aquela, a nena ía todos os días onde a pita e os pitiños e leváballes unhas faragulliñas de pan.

Pasou así moito tempo ata que, un día, a pita de ouro arrincou unha das súas plumas máis fermosas que tiña e deulla á nena dicindo:

-Toma esta pluma de ouro por ter gardado o segredo e tamén en pago polo pan que nos traes a min e aos meus pitiños. Que ninguén cha vexa porque, daquela, quererían saber da súa procedencia e acabarían con nós.

A nena colleu a pluma de ouro e gardou o segredo ata que, un día, súa nai lle atopou na alcoba a pluma de ouro e entón interrougou a nena para saber de onde lle viñera. A nena calou pero a nai insistiu tanto que a rapaza se viu na obriga de contarllo.

A nai prometeulle á nena gardar o segredo pero, xa se sabe… Un día que a rapaza estaba ausente, a nai achegouse á fonte por ver se era certo o que lle contara a filla. Asexou trala silveira e non tardou en ver sair polo picho á pita e aos pitiños. A muller, ao ver tal riqueza, intentou pillar a galiña pero esta entrou, de novo, polo ollo da fonte. A vella foi para a casa matinando de volver o outro día e daquela a pita non había de fuxir.

Cando chegou á casa a nena estaba chorando no zaguán. A pluma de ouro convertérase nunha pluma calquera. Dende aquela a pita non volveu ser vista e din que a noite de San Xoán, antes de raiar o sol, bota polo ollo da fonte una pebida de ouro para dar mostra da súa existencia.

Voltar

Natureza, lendas e tradicións A maxia da auga A compañía dos camiños Museos da Identidade Festas, feiras e romarías O queixo da terra A arquitectura do tempo