Concello de Arzúa - 2012 - Aviso Legal - Realizado por Offilance

Ao redor do ano 1.000, florecían as peregrinacións a Compostela por causa da aparición do sartego do apóstolo Santiago o Maior. Por aquelas datas, Arzúa era una vila cercada por onde pasaban gran cantidade de peregrinos que aproveitaban as defensas da vila para facer noite protexidos de salteadores e maleantes.

Nunha ocasión pasaba pola vila un peregrino de aspecto miserento e achegouse pola mañá moi cediño a un forno onde acababan de enfornar. Petou á porta, saiu a ama da casa e díxolle:

-Non haberá un anaco de pan para este pobre peregrino? Pedirei por vostedes diante do Señor Santiago.

-Aquí non atendemos a maleantes. Se quere pan, ten que pagalo.

Marchou o pobre peregrino e uns pasos máis adiate había outro forno onde tamén cocían a primeira fornada do día. Chamou e saiu a ama. Mandouno pasar para quentarse pero el díxolle que non podía parar que só quería un anaquiño de pan para enganar a fame.

-Mágoa que non poida agardar un anaco, daríalle o bolo fresco pero aínda non están cocidos. Así ten que levar este que é da fornada da semana pasada.

“Grande favor me fai” -dixo o peregrino-. “Pregarei por vostede diante do Señor Santago”. A dona do forno entrou dentro para acompañarlle algo ao pan pero o peregrino xa desaparecera misteriosamente malia que se podía divisar dende alí un bo anaco de camiño.

Cando chegou a hora de quitar o pan do forno á primeira panadeira os bolos volvéranselle de pedra mentres que os pans da panadeira caritativa convertéranse en ouro.

Moitos din que era o propio Santiago Apóstolo quen pasaba por Arzúa aquel día…

Voltar

Natureza, lendas e tradicións A maxia da auga A compañía dos camiños Museos da Identidade Festas, feiras e romarías O queixo da terra A arquitectura do tempo