Concello de Arzúa - 2012 - Aviso Legal - Realizado por Offilance

NON O PERDAS
PATRIMONIO CIVIL EN ARZÚA

A pegada xacobea apréciase de xeito claro en Ribadiso. O que fora un hospital de peregrinos restaurouse para habilitalo agora coma albergue e na mesma aldea segue en pé unha ponte románica, construída no século XII, composta por un único arco de medio punto e realizada en cantería de granito.

No territorio arzuán abondan tamén as casas grandes, como a casa forte de Orxal (século XVII) en Calvos de Socamiño, e os pazos. Un dos mellor conservados é o de Brandeso (1554), onde Ramón María del Valle Inclán situou o seu romance entre Concha e Brandomín, na novela Sonata de otoño.

O visitante pode coñecer tamén os pazos de Outeiro (en Boente), de Santo Estevo do Campo (en Campo), de Sedor (en Castañeda) hoxe habilitado como hostal de turismo rural, o pazo de Castañeda, o de Magulán (en Lema), o de Ardáns (en Pantiñobre) ou o pazo de Rosende (en Calvos de Socamiño).

Canto ás casas grandes, as máis importantes que se conservan, algunhas delas como casas de turismo rural, son as da Rectoral (en Branzá), Remesil (en Dombodán), a casa grande de Figueiroa, a de Maroxo (no lugar homónimo), a do Solar de Riba e a de Fondevila (en Pantiñobre), a de Bascuas (en Rendal) ou a de Cabana (en Viladavil).


Voltar