Concello de Arzúa - 2012 - Aviso Legal - Realizado por Offilance

NON O PERDAS
PATRIMONIO RELIXIOSO EN ARZÚA

Sen dúbida, que a Ruta Xacobea cruce de nacente a poñente o territorio arzuán é a principal causa da cantidade de patrimonio relixioso do concello. Á beira do Camiño de Santiago levantouse no século XIV un convento de monxes agostiños do que hoxe só se conserva a súa capela, a capela da Madanela, que, aínda que na maior parte é de mampostería popular, mantén elementos de canteiría que revelan a súa orixe románica.

Outras das capelas que cómpre salientar son a da Mota (situada na carballeira que acolle a festa homónima), a da Fontesanta (que ten como principal trazo singularizador a carencia de campanario e que tamén acolle unha romaría durante o mes de agosto) e a de San Paio de Burres. Esta mandouna levantar no século XVII don Domingo de Cea á súa volta de Cuba; é de planta rectangular e ten un soportal pequeno de mestura entre pedra e madeira e un retablo maior de estilo rococó.

Canto ás igrexas, as de maior interese arquitectónico e artístico son as parroquiais de Dombodán, Lema, Burres, Branzá, Castañeda e Boente. As cinco primeiras foron levantadas durante o século XVIII.

San Cristovo de Dombodán aínda conserva a súa portada en canteiría, igual que San Pedro de Lema, pero realizada a primeira en estilo barroco compostelán. De estilo barroco é tamén o retablo maior de Santa María de Castañeda e o neoclásico caracteriza a feitura artística de San Vicenzo de Burres e de Santa Locaia de Branzá.

As máis antigas son as igrexas de San Pedro de Mella, levantada no século XIII e pertencente ao románico rural, e a de Boente. Santiago de Boente refíxose no século pasado sobre a edificación levantada no XII e da que se conservan aínda dous capiteis incrustados no exterior do muro da cabeceira. No exterior ten tres reloxos, dous deles mecánicos realizados en cerámica e un terceiro de sol.


Voltar